Andainas saudables por Ourense

Andainas guiadas para descubrir Ourense á vez que coidamos da nosa saúde.

Desde Turismo de Ourense colaboramos co Centro Médico El Carmen no lanzamento do programa Andainas Saudables: percorridos guiados por distintas rutas na cidade (e tamén da contorna) que combinan os hábitos de vida saudable -camiñar é un dos exercicios máis recomendados polos profesionais sanitarios- coa descuberta de espazos e elementos emblemáticos do patrimonio ourensán.

As andainas serán conducidas por guías turísticos profesionais e contarán ademais con acompañamento dun nutricionista que ofrecerá, ao inicio da actividade, uns breves consellos de alimentación saudable vinculada ao exercicio físico.

A primeira destas andainas será o próximo sábado 25 de maio a partir das 10.00 h. Baixo o título de Ourense Monumental, a actividade propón un percorrido de 3 horas pola historia de Ourense comezado, como non, no lugar onde naceu: as fontes termais das Burgas. Durante a actividade pasearemos polos recunchos máis emblemáticos da zona monumental mentres descubrimos a longa historia da cidade desde o seu pasado romano até o esplendor do século XIX, cando se superan os límites da améndoa medieval e xorde a urbe moderna.

A participación nestas andainas é gratuíta e está aberta a todo tipo de público. Prazas limitadas.

As inscricións realizaránse a través do correo electrónico comunicacion@centromedicoelcarmen.es ou no teléfono 658 289 811

A seguinte cita, aínda por confirmar, será o 22 de xuño, cun roteiro que segue as pasos dos protagonistas d’A Esmorga, a novela de Eduardo Blanco Amor, clásico da literatura galega, ambientada en Ourense.

andainas saludables ourense

L