Ourense sempre tivo unha relación especial co mundo das artes e a cultura. No seu momento de maior esplendor, a comezos do século XX, chegou ser coñecida como a «Atenas de Galicia», berce da chamada Xeración Nós, intelectuais que lideraron a renovación e modernización da cultura galega.

O epíteto non é caprichoso; unha importantísima nómina de literatos, músicos e artistas están moi estreitamente vinculados á vella Auria e deixaron nela o seu rastro. Hai quen di que as brumas do Miño e a calor das augas subterráneas avivan o enxeño, espertan a imaxinación e agudizan a ironía das súas xentes: unha forma de ser que lle deu á cidade o seu perfil máis creativo e inspirado.

Na vosa visita, ademais de percorrer as rúas e apreciar os monumentos, unha orixinal forma de coñecer Ourense sería achegarse á obra artística que nela e sobre ela se produciu.

A Auria literaria

Ourense é sen dúbida a cidade máis retratada nas letras de Galicia. Para os amantes da lectura sempre será a Auria plasmada polo escritor Eduardo Blanco Amor en obras como Xente ao lonxe ou Os Biosbardos, pero sobre todo na súa mellor novela, A Esmorga: un roteiro sinalado nas placas cerámicas dispersas polas rúas da cidade antiga permite seguir os pasos dos seus tres protagonistas nas súas aventuras nocturnas. A cidade tamén foi retratada por Carlos Casares na súa Ilustrísima ou por Camilo José Cela en Mazurca para dous mortos, e nos últimos anos Diego Ameixeiras rebautizouna como Oregón, escenario de novela negra e policíaca.

Fóra dos libros, aquí atópanse algúns dos espazos máis simbólicos da cultura en Galicia: casas de escritores, cafés de faladoiro, bibliotecas, imprentas e redaccións: o primeiro xornal escrito en galego no século XIX publicouse aquí. Aquí tamén naceu a principios do XX a revista Nós, voz de toda unha xeración de intelectuais europeístas que levaron a cultura galega máis aló das súas fronteiras: Vicente Risco, Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Valentín Lamas Carvajal, Xesús Ferro Couselo, Marcelo Macías…

A estes nomes súmanselles outros imprescindibles que aquí naceron, viviron ou traballaron: o ilustrado Jerónimo Feijóo, Juan Antonio Saco e Arce (autor da primeira gramática galega), Curros Enríquez, o poeta José Ángel Valente, as irmás Pura e Dora Vázquez… En todos deixou pegada a cidade das Burgas.

Artes plásticas

Se Ourense destaca nas letras, tampouco queda atrás na plástica, e non é de estrañar: pintores, escultores, arquitectos e literatos era compañeiros dos faladoiros, cafés e tabernas onde durante anos se fraguou o xenio creativo da cidade.

Quizais o máis emblemático deses locais sexa o xa desaparecido Bar Tucho, no Eironciño dos Cabaleiros,  máis coñecido coma O Volter. Entre os anos 50 e 70 do pasado século xermolou nel o grupo dos chamados Artistiñas. Nomes como Acisclo Manzano, Arturo Baltar, Buciños, Xaime Quessada, Virxilio ou Xosé Luís De Dios aprenderon aquí da súa xeración previa (Conde Corbal, Prego de Oliver) e crearon escola na seguinte (Alexandro, Vidal Souto), inaugurando todo un torrente creativo que desde o lirismo e a crítica apostou pola renovación da arte galega.

Mención aparta merece o mundo do cómic, que en Ourense sempre tivo un peso específico, ao redor das Xornadas de Banda Deseñada que se veñen celebrando desde hai case tres décadas. Destacan nomes como Xosé Lois (cuxo Carrabouxo le incansable o xornal no Parque de San Lázaro), os membros do Fronte Comixario, Miguel Robledo ou David Rubín.

Ourense no cinema

Cidade e provincia foron escenario en varias rodaxes da cinematografía española, con películas que souberon capturar no celuloide os atractivos naturais e arquitectónicos. Os xirasois cegos de José Luis Cuerda, traslada a trama da novela de Alberto Méndez de Madrid a Ourense, e nela aparecen varias rúas do Centro Histórico, especialmente a Praza Maior, onde tivo lugar a súa estrea. En A Esmorga Ignacio Vilar adaptou para a gran pantalla a novela homónima de Blanco Amor, retratando gran parte dos recunchos da cidade onde se ambienta o texto orixinal. As termas do Miño aparecen en Nove Ondas, do realizador Simone Saibene, e Kike Maíllo tamén rodou aquí varias escenas da súa fita Toro. Xa na provincia, destacan como estudios de rodaxe a vila de Allariz (A lingua das bolboretas, de Cuerda) ou Nogueira de Ramuín (Aos que aman, de Isabel Coixet).