Concurso de Pinchos Sabores de Ourense

En outono e primavera celébrase o Concurso de Pinchos Sabores de Ourense, un certame que honra esa tradición tan ourensá de ir de viños e no que os establecementos da cidade compiten por conseguir o favor do público e do xurado profesional coas súas creacións gastronómicas. O resultado son pequenas xoias culinarias para comer dun só bocado (polo menos, esa é a teoría) e nas que é obrigatoria a presenza de alimentos de tempada: castañas e cogomelos na edición de outono, produtos da horta na primavera.

A iniciativa pretende ser tamén un recoñecemento á riqueza e diversidade gastronómica de Ourense, premiando o uso de produtos de proximidade e de produción ecolóxica ou integrada e reservando un premio especial para as elaboracións libres de glute. O viño tamén esta presente cun galardón á mellor maridaxe con caldos D.O. Ribeiro.

Blog oficial do certame de pinchos Sabores de Ourense

XANTAR, Salón Internacional do Turismo Gastronómico

Xantar-logo2
O recinto feiral Expourense transfórmase unha vez ao ano nun gran centro de restauración coa celebración de XANTAR, a principal feira gastronómica da cidade. En 12.000 metros cadrados cubertos recréanse unha vintena de restaurantes de diferentes rexións de España, Portugal e Latinoamérica que ofrecen menús representativos de cada gastronomía local a prezos fixos. Un escaparate de sabores que se converteu, ao longo das súas case vinte edicións, nun punto de encontro dos profesionais do sector turístico e gastronómico, pero tamén para os amantes da boa cociña, cun amplo programa de actividades que inclúe showcookings, catas, degustacións, conferencias, obradoiros didácticos e un longo etcétera.

Web oficial de XANTAR

Festas populares

A rica tradición cultural que rodea a alimentación en Galicia acada o seu cénit nas populares festas gastronómicas e de exaltación dun produto. En Ourense a versión máis xenuína destas celebracións son os Magostos, nos que a castaña é protagonista. Celébranse coincidindo co día de San Martiño de Tours, patrón da cidade (11 de novembro), e están claramente ligados ao tradicional calendario agrícola: dáse a benvida aos primeiros fríos do inverno degustando a castaña e probando o primeiro viño do ano, acompañados de chourizos asados e outras carnes do porco (estas son as datas tradicionais da matanza).

O porco tamén ten un rol importante noutra festa de inverno, o Entroido, época de cocidos e saborosas sobremesas, en particular as orellas doces e as filloas. A época de vendimas tamén é unha data especial na cidade, como é lóxico na capital dunha provincia onde de cultivan viños de até catro denominacións de orixe.