Mercados tradicionais

Se o segredo da gastronomía ourensá é a calidade e frescura das súas materias primas, o lugar de referencia para atopalas é sen dúbida a súa Praza de Abastos, verdadeiro referente na cidade da alimentación tradicional e o produto de proximidade.

Fundada en 1924, a Praza de Abastos central de Ourense atópase xunto á Alameda, nun edificio de tres naves obra do arquitecto Conde Fidalgo. No seu interior é posible atopar postos de carnicería e chacinería, peixería, lácteos, mentres que no exterior se localízan as florerías, postos de sementes e plantas, froiterías e tendas de obxectos diversos. Unha característica peculiar é o seu rianxo, no que pequenos produtores acoden a diario vender o excedente dos seus hortos particulares. A palabra «rianxo» fai referencia ao mandil tradicional que as mulleres (as auténticas «rianxeiras») vestían no mercado, amplo abondo para recoller nel as froitas e verduras.

O mercado vólvese especialmente animado as mañás dos sábados e é unha excelente alternativa para descubrir os sabores locais: a petición dos clientes e por un módicos prezo os bares e cafetarías da zona cociñan os produtos comprados para que os seus clientes os degusten ao momento.

Que comprar no mercado

  • Carne galega, que é das máis selectas do mundo. A praza abastécese de municipios rurais das proximidades onde o gando aínda se cría de forma tradicional, alimentado só con pasto. As carnes máis comúns son o vacún, as aves, a caza e o porco, auténtico protagonista nas mesas festivas dos Magostos ou o Entroido. Ademais, na praza teredes a oportunidade de abastecervos de todo o necesario para preparar un auténtico cocido galego.
  • Peixe fresco, porque xa que Ourense se atopa a menos de 100 km do principal porto pesqueiro de Europa, este produto chega á praza nunhas condicións de frescura e calidade inmellorables. É de destacar o bacallau e, por suposto, o polbo: o da praza foi o que tradicionalmente elixiron as pulpeiras de Ourense e O Carballiño para prover os seus postos.
  • O pan, do que atoparedes máis de 20 variedades e preparacións, todas recentemente forneadas, incluíndo o coñecidísimo (e saboroso) pan de Cea. Por non falar das famosas empanadas ourensás, recheas de carne, zorza, berberechos, atún…
  • Os queixos, dos que veredes numerosas variedades. Non marchedes sen probar o queixo cremoso do país, que cativará os vosos padais. 
  • Flores e plantas, todo o que se necesita para quedar ben ou simplemente darse un capricho. Moi recomendable é visitar a praza en datas sinaladas coma o 1 de novembro (festividade de Todos os Santos) ou o 14 de maio (Virxe de Fátima), cando un auténtico mar de flores e pétalos a inundan por completo.

 

Compartir