Ourense concentra a esencia das diferentes culturas gastronómicas de Galicia: da costeira adoptou a afección polo polbo, e do interior o gusto polas carnes e as verduras da horta. Moitos dos produtos máis recoñecidos da gastronomía galega prodúcense aquí, varios deles protexidos con Denominación de Orixe. O pan, a carne, as patacas ou (por suposto) o viño son só unha pequena mostra dos ingredientes base que con gran variedade e calidade están presente nos nosos pratos.

Pratos tradicionais

Non deixa de ser curioso que sendo unha provincia de interior Ourense gañase merecida fama polos produtos do mar, en concreto o polbo, que non falta en ningunha celebración. Tamén a lamprea e as anguías do río Miño atopan un oco importante na mesa ouresana, xunto á caza e as carnes de porco e de vacún. As verduras non faltan tampouco na mesa galega, especialmente os grelos, que acompañan o lacón, e que xunto ao repolo e as verzas son os protagonistas do cocido ou pote galego. Mención á parte merecen as empanadas e pans, entre os que destaca o forneado na veciña localidade de Cea.

A despensa complétase con importantes iconas no apartado da repostaría, como a bica, os amendoados e as canas recheas, sen esquecer que Ourense é un impotante produtor de marron glacé, preparación doce da castaña, que aquí abunda e á que se dedica unha das festas máis populares na cidade, os Magostos.

Excelentes propostas que se acompañan de viños recoñecidos internacionalmente. Parte do termo municipal de Ourense pertence á denominación de orixe Ribeiro, que é coa que historicamente está máis asociada, aínda que tres denominacións completan o mapa enoturístico provincial: Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras.

Onde comer

Novarestaurante A oferta de restauración de Ourense cobre un amplo abano que vai desde os pequenos bares e tabernas até restaurantes que souberon combinar a cociña caseira máis tradicional coas últimas tendencias gastronómicas. Galardoado cunha Estrela Michelín, destaca o Restaurante Nova pola cociña de raíces dos chefs Daniel Guzmán e Julio Sotomayor; do mesmo xeito que A Taberna Galileo, ambos os portadores de senllos Soles da prestixiosa guía Repsol. A estes recoñecementos hai que sumar as Q de calidade que recoñeceron o bo facer de múltiples establecementos da cidade, todos dignos de descubrir e cunha insuperable relación calidade/prezo.

Unha boa forma de achegarse á gastronomía ourensá é «ir de viños», unha das marcas máis reconocibles da cidade e unha experiencia case obrigada para calquera visitante. A principal zona de tapeo (aínda que non a única) son as rúas que rodean a Catedral, no Centro Histórico (coñecidas, precisamente, coma «Os Viños»), un pequeno labirinto que concentra máis de medio cento de locais onde gozar, a base de petiscos e tapas, dos manxares da dieta atlántica. Para non perderse, ben merece botarlle un ollo á nosa ruta de tapeo.

saboresdeourense