Ruta de tapas e pinchos
Os Viños

Se hai un lugar na cidade no que a xente conflúe de forma natural, especialmente nas noites de fin de semana, sen dúbida son Os Viños do Centro Histórico, a zona de tapeo por excelencia de Ourense. Este conxunto de rúas, unidas nun extremo pola Praza do Ferro e que terminan nos arredores da Catedral, concentra gran número de bares, restaurantes e tabernas onde gozar da gastronomía e a tradición vinícola de Ourense, compartindo petiscos, racións e cantigas en boa compañía. Aínda que cada vez atopamos máis propostas de mesa e menú á carta, o máis tradicional segue a ser probar bocados a pé de barra en paradas curtas: como manda a tradición, un pincho, un bar.

A escena hostaleira da cidade goza de excelente saúde, con novas propostas xurdindo cada día, o que fai difícil detallalas todas. Sirva este itinerario como botón de mostra para guiar ao visitante, suxerindo as zonas máis concorridas e algúns dos locais de máis longa traxectoria… pero non os únicos.

ferroviriatovinosPraza do Ferro e rúa Viriato

A ruta (normalmente nocturna, aínda que os seus mediodías son cada vez máis animados) comeza na Praza do Ferro, entrada ao centro histórico. Ao redor da súa fonte central abundan as terrazas, e atopamos todo un  clásico, o Bar Orellas, templo dedicado ao porco tanto na súa carta como na decoración do local. Deben probarse a súa orella de porco e a cachucha prensada. En fronte, baixo os soportais da praza, destaca a Taberna do Meigallo, cunha bonita terraza interior ideal para gozar da súa comida caseira nas noites de verán.

Subindo desde a praza por a rúa Viriato atópase o Bar Fuentefría, famoso polas súas anchoas e afumados. Xusto enfronte, A Casiña do Pulpo, ideal (xa o indica o nome) para entrar na suculenta tradición tan ourensá do polbo á feira.

Rúa San Miguel

Baixando a empinadísima rúa San Miguel desde o Ferro descubrimos en primeiro lugar o Pingallo, restaurante onde tamén é posible gozar de racións na súa barra. Acto seguido, o Asador de Roa, cuxo bacoriño deulle nome; Casa Toñita, onde hai que probar os ovos rotos; o San Miguel, un dos restaurantes históricos da cidade hoxe completamente renovado; e o Monterrey, cunha cociña máis elaborada. Enfronte a eles, o Mesón de María Andrea, nun fermoso pazo do século XVI magníficamente restaurado.

sanmigueleironcinhovinos

Eironciño dos Cabaleiros

Nesta pequena praza apartada das rúas máis buliciosas dos arredores dispón as súas mesas o Mesón O Queixo, un histórico da cidade que apostou pola cociña máis tradicional e onde serven un cremoso queixo galego de altura. Ao seu lado, o Lar da Sabela, coa cachucha e as albóndegas como pratos máis demandados.

Rúa da Paz

Paralela ao Eironciño por arriba, atópase esta fermosa rúa presidida polo Teatro Principal, que enfronte ten o bar San Xes, onde é obrigatorio probar as súas clásicas empanadillas; sempre ten bo ambiente os días de función. Ao seu lado atopamos outro Orellas, irmán do local na Praza do Ferro.

Rúa Lepanto

Atopámonos no eixo central dos Viños; nesta rúa en cada porta hai un bar, polo que será difícil elixir. Moi demandado é o «pincho completo» do Rey del Jamón, unha sabia combinación de tortilla, croqueta e touciño entrefebrado; ou o raxo con queixo de Arzúa do Montecarlo. O París é un local de noites animadas onde tamén teñen boa fama as súas patacas alioli. Ao seu lado atópase A Nosa Taberna, con brochetas mariñas e pinchos morunos, e O’Cogumelo, onde se poden saborear os seus champiñóns con lagostinos. En fronte, O Pote, onde dependendo da hora da noite decantarémonos polas súas quesadillas e luras ajilimójolis ou ben por unhas copas.

Bordeando a Catedralvinoscatedralunion

Subindo Xoán de Austria atopamos o Tixola, o Porta Norte, cos seus tres pisos de pequenos comedores, e A Casa do Pulpo, onde gozar desta delicia local.

A ábsida da Catedral forma unha pequena praza abarrotada de terrazas nunha contorna privilexiada. Las Monchas e O Furancho propoñen petiscos modernos nun espazo onde conviven con dous históricos, o Bar Pérez e A Taberna do Perico, coas súas suculentas cazolas e a saborosa salsa dos seus montadiños.

De continuar a ascensión, na Praza dos Suaves (homenaxe á mítica banda de rock) están dous locais cuxa cociña creativa e innovadora fíxoos merecedores de premio nas útimas edicións do Concurso de Pinchos Sabores de Ourense, La GulaTapa Negra. Xa na rúa da Unión, baixando á Praza do Trigo, paga a pena deterse n’A Tentación de San Pedro. Se seguimos baixando, na Praza da Madalena, chegaremos a Mata-o-bicho, cunha terraza tranquila e agradable onde refuxiarse do bulicio dos Viños.

Rúa dos Fornos

Paralela á Lepanto, Fornos é outra rúa chea de bares onde resulta difícil escoller. N’O Arco da Vella ten fama a súa soberbia tortilla, e enfronte, n’O Souto, as súas bombas (pelotas de puré de pataca e carne fiada). No Dos Puertas un sempre debería parar para tomar un petisco de orella ou luras, aínda que de ir con máis calma O Catador e Porta da Aira son dous locais históricos de carta interesante. En La Bodeguilla del Centro un pode decantarse polo seu espeto de champiñóns e pementos, e en Atarazana quizais polas súas zamburiñas. Outro clásico é o Bar Samuel, máis de 25 anos cociñando carne ao caldeiro.

Para as noites de verán, o Porta da Pía é unha proposta para gozar con calma, cunha preciosa terraza xardín onde cear ou talvez tomar a primeira copa.

Compartir

Sabores de Ourense
Sabores de Ourense

Ler máis

Ourense de noite

Aos que vos gusta deitarvos tarde e preferides explorar a vida nocturna da cidade, descubriredes por que Ourense se coñece como a «terra da chispa». Aquí gusta moito a festa, e sexa para tomar algo en boa compañía ou para saír a bailar, sempre atoparedes un local ao voso gusto e unha escusa para atrasar a volta a casa.

Aos que vos gusta deitarvos tarde e preferides explorar a vida nocturna da cidade, descubriredes por que Ourense se coñece como a «terra da chispa». Aquí gusta moito a festa, e sexa para tomar algo en boa compañía ou para saír a bailar, sempre atoparedes un local ao voso gusto e unha escusa para atrasar a volta a casa.

Ler máis