Cómoda, tranquila, segura… e cunha chea de actividades para pasalo en grande! Ourense é sen dúbida un destino que encantará aos que viaxades en familia, con multitude de propostas pensadas para os cativos da casa, gozando ao aire libre ou aprendendo sobre a historia e costumes da cidade da forma máis divertida… sen esquecer un bo mergullo en auga termal!

Ás termas en familia

Aos rapaces encantaralles montar no curioso Tren das Termas, aínda que só sexa para probalo. Con saída desde a Praza Maior, nel poderedes gozar dun bonito paseo por boa parte do Centro Histórico, que mesmo vos levará sobre os arcos da Ponte Vella. É a mellor opción para chegar até a zona termal de Outariz e Burga de Canedo, ao pé do río Miño. Aquí, nunha ampla zona axardinada ideal para descansar, xogar nas súas randeeiras e pasar unha agradable tarde ao sol, atoparedes piscinas termais a diferentes temperaturas para que cada un escolla a que máis lle gusta. Lembrade que con nenos é especialmente importante seguir os consellos para o baño termal, realizando inmersións curtas e hidratándose a miúdo.

Desde Outariz tedes por diante varios quilómetros de senda peonil á beira do río ideais para percorrer en bicicleta ou simplemente paseado. Polo camiño atoparedes outras moitas instalacións termais, como as da Chavasqueira, para seguir gozando das augas de Ourense.

Burgas infantilXa de volta no centro, non deixedes de visitar o complexo arqueolóxico e termal das Burgas, en pleno Centro Histórico. Ademais de gozar dun baño na súa piscina ao aire libre (lembrade que non está permitido aos menores de 5 anos) poderedes visitar o Centro de Interpretación para coñecer máis sobre a historia da cidade e os seus primeiros poboadores romanos, que eran grandes afeccionados ás augas termais.

Non esquezades visitar as fontes, todos vos sorprenderedes coa temperatura á que brota a auga (coidado que queima!)

 

Descubrindo o mundo do tren

Ourense é unha cidade cunha gran tradición ferroviaria, xa que aquí tivo lugar a primeira conexión de Galicia co resto da Península. Se a vosa viaxe coincide en fin de semana, o domingo tedes unha cita inescusable no Parque Ferroviario de Carrileiros de Foula, onde descubriredes o apaixonante mundo deste medio de transporte e mesmo poderes subir nunha locomotora a escala. O recinto conta cun circuíto de case 500 metros de vía polo que circulan os trens, nun percorrido con todos os detalles posibles: un viaduto, dous túneles, catro pasos a nivel, estacións… Na súa aula expositiva explícanse os pormenores da historia do ferrocarril en Ourense.

Se quedastes con ganas de máis, a xornada ferroviaria continúa na colección de trens Fernández-Pacheco, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Este curioso museo, con máis de 4.000 miniaturas de trens a escala, deixaravos coa boca aberta mentres soñades coas viaxes no Orient Express (que só é unha das moitas locomotoras históricas que aquí se conservan).

carrileiros2

Parque ferroviario Carrileiros

Rúa da Canle S/N Ver no mapa

Todos os domingos de 11.30 a 13.30 h

Entrada: Adultos 2 € / Nenos 1 €

www.carrileiros.com

Durante o mes de agosto o parque permanecerá pechado.

cofepo-980x439

Colección de trens Fernández Pacheco


Centro Cultural Marcos Valcárcel Ver en mapa

Luns a venres: 11.00-14.00 h e 18.00-22.00 h. / Domingos e festivos: 18.00-21.00 h.

Entrada: Gratuíta

Aprendendo da natureza: río Miño e Montealegre

A Aula da Natureza do Río Miño, na zona fluvial de Oira, é o lugar ideal para coñecer todos os segredos deste río que atravesa a cidade, o máis grande de Galicia. Nela atoparedes paneis e maquetas que vos achegarán, de forma sinxela e amena, aos valores naturais e patrimoniais que esconde este espazo natural, unha auténtica reserva de flora e fauna: como xorden as augas termais, como se aproveita a forza da auga nos muíños, a adaptación dos animais ao medio fluvial…

A Aula ofrece ademais un completo programa de actividades centradas na educación ambiental e o coñecemento do medio: obradoiros de reciclaxe, avistamento de paxaros, coidado da horta, xogos tradicionais e paseos guiados, para que coñezades de primeira man os segredos do pai dos ríos galegos e toda a vida que o rodea. Lembrade que desde a aula tedes por diante unha senda circular de 15 quilómetros seguindo as marxes fluviais para coñecer a natureza e historia de Ourense.

Xunto aos ríos, Montealegre é o outro gran pulmón de Ourense, un gran parque forestal con varias hectáreas para pasear e explorar, descubrindo as especies propias da vexetación mediterránea deste bosque pero tamén algunhas máis exóticas, xa que conta cun espazo dedicado a xardín botánico. Subide até o seu miradoiro para sacar unha foto de familia e non deixedes de sentarvos no «banco máis bonito de Ourense», que está no punto máis alto. Consultade a axenda do día, porque programan periodicamente actividades infantís: visitas guiadas, obradoiros ambientais e mesmo teatro, no seu auditorio ao aire libre.

Parques e xardíns

Ourense conta con multitude de parques urbanos equipados con randeeiras e zona de xogos para os máis pequenos. Os meirandes son sen dúbida o Parque Miño, á beira do Centro Comercial Ponte Vella, con estanques e merendeiros; e o Parque Barbaña, que ademais de randeeiras ten unha pista vermella ideal para patinar. Xa no centro, imprescindibles son o Parque de San Lázaro, cun moderno espazo infantil con zonas separadas por idades, o Parque Infantil ou Alameda do Cruceiro, e a Praza das Mercedes, cunha ampla zona asfaltada ao redor dunha fonte e terrazas onde poderedes descansar mentres os rapaces xogan. No Xardín do Posío non só atoparedes varias zonas de xogo a diferentes niveis e entre árbores centenarias, senón que teredes a oportunidade de pasear entre os pavos reais e os cisnes que habitan este parque, que foi xardín botánico.

San Lazaro

Moitos dos parques de Ourense foron obxecto recentemente de intervencións paisaxísticas que os converten en espazos singulares onde os nenos o pasaran en grande. O parque Avilés de Taramancos, no Couto, é unha gran zona verde dedicada á memoria dos ríos, cunha impresionante lagoa de 1.300 metros cadrados e unha gran zona de xogos na que destacan un tobogán de 13 metros de altura e unha estrutura piramidal trenzada con cordas para rubir polos seus nove metros de altura. Tampouco deixedes de visitar o Parque da Canle, sobre o Auditorio Municipal, unha curiosa solución aos desniveis dos depósitos de auga que ofrece bonitas vistas da cidade, ou o parque Cándido Fernández, con ampla zona de xogos e un pequeno campo de fútbol.

Programación infantil: Auditorio e Biblioteca Nodal

Cada domingo o Auditorio Municipal de Ourense conta cunha programación deseñada para o público infantil, incluído un ciclo especial para bebés: obras de teatro, monicreques, contacontos, espectáculos musicais e mesmo películas. Tamén a Biblioteca Pública Nodal (rúa Concello), ten actividades pensadas para os pequechos e orientadas á animación á lectura, como xogos, obradoiros club de lectura infantil, contacontos, ludoteca e un espazo propio de lectura para menores de 14 anos.

En Nadal, Ourense acolle a Mostra de Teatro Infantil de Ourense, un evento de longa traxectoria consagrado ás artes escénicas para o pequeno público: teatro de obxecto, monicreques, clowns, maxia…

Se a vosa viaxe coincide nesas datas tampouco deberíades deixar de visitar cos cativos o Belén de Arturo Baltar, un curioso conxunto ecultórico onde poderedes deixar volar a vosa imaxinación.

Outras actividades

piscina remedios ext

Piscinas en Ourense


Imprescindibles cando a calor aperta no verán ourensán.
Ver piscinas

La Molinera Kids

FabLab La Molinera


Punto de encontro de minimakers. Obradoiros de creación dixital para nenas e nenos.

Rúa do Bebedoiro, 1 Ver en mapa

988 374 523

lamolinera.net

pazolandia

Pazolandia


Cada Nadal, o Pazo dos Deportes Paco Paz convértese no parque infantil de atraccións máis grande de toda Galicia.

Minigolf Bolavai

Terraza con minigolf nas beiras termais do Miño. Consultar horarios.

Paseo do Tinteiro 8 Ver en mapa

616 243 131

Lakatos Paintball

Campo de paintball, tamén para rapaces e rapazas (a partir de 8 anos).

Seixalbo Ver en mapa 660 701 280

www.lakatospaintball.com

.