Xeografía e clima

Ourense está situada no extremo noroeste da Península Ibérica, no val que forma o paso do río Miño e os seus afluentes Barbaña e Loña. Con máis de 107.000 habitantes, é a terceira cidade galega e capital da provincia homónima, a única de Galicia sen franxa costeira pero dun grandísimo valor natural.

A provincia de Ourense linda polo sur co norte de Portugal, polo leste con Zamora, con Pontevedra ao oeste e Lugo ao norte. A cidade, tradicionalmente un eixo de comunicacións e entrada natural a Galicia desde a meseta, conta con excelentes conexións por autovía e tren coas principais cidades de España e Portugal. Á súa vez, a cidade, a poucos quilómetros de sitios de gran beleza e interese como a vila de Ribadavia ou a Ribeira Sacra, é a lanzadeira ideal para descubrir o mellor da máxica, misteriosa e aínda gran descoñecida Galicia interior.

Tal e como nos lembra unha placa do Instituto Xeográfico Nacional á entrada da Casa Consistorial, o centro de Ourense atópase a 135 metros sobre o nivel do mar, mentres que as montañas que rodean a cidade alcanzan os 400 metros. Este val rodeado de montes forma o que se coñece como a «ola» ourensá. Esta formación proporciona a Ourense un singular clima marcadamente continental, con precipitacións moito máis moderadas que no resto de Galicia. As temperaturas son moi altas no verán, a miúdo por encima dos 30º C, e moi baixas no inverno, polo que á hora de facer as maletas é recomendable meter sempre roupa extra de abrigo (ademais do bañador, porque a pesar de todo, aquí sempre é verán…).

Correos

É posible adquirir selos en calquera estanco ou oficina de Correos. Cartas e tarxetas postais poden depositarse na caixa de correos mentres que o envío e recepción de paquetes deberá tramitarse en Correos ou empresas de mensaxería.

Oficinas de Correos

  • Rúa do Paseo, 53 – Tel. 988 223 083
  • Avda. de Marín, 27 – Tel. 988 217 839

Moeda

O EURO (€) é a moeda oficial en toda a Unión Europea.

Os cambios de divisas deben realizarse nas oficinas bancarias, xa que a cidade non conta con establecementos de cambio. Se viaxades en avión, atoparedes este servizo nos aeroportos máis próximos.

O pago con cartóns de crédito está bastante estendido nos comercios e habitualmente identifícase con distintivos nas portas dos locais. No entanto, en restauración e moitos comercios habitualmente esíxese un gasto mínimo (10 € aprox.) para pagos con cartón. En calquera caso recoméndase preguntar previamente.