Ademais de capital termal, Ourense é capital da moda. Tanto o deseño como a confección ocupan un lugar importante na súa actividade económica. Adóitase dicir que hai aquí unha tendencia a vestir ben e á elegancia que van máis aló das aparencias, e quizais sexa certo: a cidade foi berce dunha escola importante de deseñadores e modistos entre os que destacan nomes como Adolfo Domínguez ou Roberto Verino.

Artesanía

Máis aló da moda, na cidade sitúanse tamén interesantes obradoiros de artesanía. A rúa Colón, tradicionalmente unha das máis importantes da cidade antiga e que sempre albergou bo número de comercios, volveu gañar peso nos últimos anos grazas ao labor da Asociación de Artesáns de Ourense, rehabilitando diversos locais nos que se tentou conciliar a iniciativa comercial cos oficios tradicionais. Nela pódense atopar tendas dedicadas á ourivaría, a cerámica, o traballo en coiro e mesmo encantadoras xogueterías tradicionais. Os artesáns expoñen produtos dos seus propios obradoiros e colaboradores.

Capital da moda

A moitos visitantes sorpréndeos a importante oferta en moda e complementos que atopan en Ourense. As rúas do centro, coma Paseo, Santo Domingo, Paz e arredores son auténticos centros comerciais ao aire libre en cuxos escaparate atoparedes firmas de primeira liña nacionais e internacionais: Gucci, Jimmy Choo, Desigual, Dolores Promesas, Rosa Clará, Adolfo Domínguez, Purificación García, Roberto Verino (non perdades o seu local no Paseo, metade tenda metade galería de arte), Carolina Herrera… Non en balde, os catro últimos teñen en Ourense os seus principais centros de produción, o que nos dá unha idea do peso que o sector téxtil ten na cidade.

Esta tradición deu lugar a unha nova xeración de novos deseñadores e pequenas boutiques de gusto excelente na cidade, con propostas atrevidas e innovadoras que farán as delicias dos máis fashionistas. 

Arterias comerciais

Ourense apostou sempre por un comercio urbano de calidade e moi vivo. Ademais do Centro Comercial Ponte Vella e os establecementos do centro (CCA Ourense Centro), nos barrios hai tamén un importante tecido comercial que non deberiades perder, especialmente no Couto e A Ponte. Neste pequeno comercio de proximidade non só atoparedes grandes produtos locais e o mellor servizo, senón que tamén poderedes gozar da riqueza arquitectónica e paisaxística da cidade mentres facedes as vosas compras nun cómodo paseo a pé.

Shopping Night

Unha noite de venres por tempada, os establecementos comerciais da zona centro prepáranse para a súa posta de longo con motivo da Shopping Night, un evento para o que se engalan e prolongan os seus horarios até a medianoite. Nas últimas edicións máis de 60 negocios se sumaron a esta convocatoria, organizando sorteos e actividades especiais para os seus clientes: coctelería, catas, degustacións, showrooms e actuacións musicais, tanto nas tendas como nas rúas. Unha auténtica festa do comercio e a moda en Ourense e o seu escaparate máis glamuroso.

Un recordo da túa viaxe

Os típicos souvenirs que toda a vida compramos nas viaxes reinventáronse coas últimas tendencias en deseño: en tendas como Vai Vai Mr. Can atoparedes detalles dos que vos encapricharedes, do mesmo xeito que en calquera dos obradoiros de artesanía da rúa Colón.  Firmas como Nikis Galicia ou Lobisome tamén lle deron un xiro a estes obxectos, con camisetas e complementos estampados con temas galegos de estética pop e moito humor. Pero se sodes uns nostálxicos, nos arredores das Burgas tamén hai souvenirs máis clásicos.

Outra boa opción pode ser un produto gourmet e delicatessen: queixos, embutidos, doces ou algún viño da rexión. Ideal para levar un pouquiño dos Sabores de Ourense de volta a casa.