Espectáculos

Recuperado para uso público por subscrición popular nos anos 90, o Teatro Principal abriu as súas portas en 1830, construído segundo o modelo italiano, dacabalo entre o barroco e o romanticismo, moi de moda naqueles tempos. A súa atmosfera íntima e recollida permite unha aproximación especial aos espectáculos que alí se celebran: monólogos, concertos, artes escénicas…

Destaca a súa bóveda, decorada polo pintor Xaime Quessada: os seus debuxos explican por que aquí o palco máis alto recibe o nome de Paraíso.

O Auditorio Municipal, deseñado polo arquitecto Casabellas, foi inaugurado en 2005 e desde entón converteuse nun espazo de referencia na programación cultural da cidade. Conta con tres salas multiusos, a maior cun espazo superior ás 900 localidades, dedicadas a espectáculos, congresos, acontecementos musicais, exposicións, convencións, reunións de empresa ou actos sociais.

teatro_principal

Teatro Principal

Rúa da Paz, 9 988 317 960
www.teatroprincipalourense.com
Ver ficha completa

auditorio

Auditorio Municipal

Rúa da Canle , 2 988 391 290
www.ourensecultura.com
Ver ficha completa

Salas de música e cafés-concerto

Ourense conta cunha escena de música en directo notable, con salas e bares que programan concertos de forma habitual, con estilos para todos os gustos.

Na zona histórica destacan o Café Cultural Auriense, cunha das axendas de actuacións máis completas e eclécticas da cidade, e a proposta en rock, metal e hip hop da Sala Berlín. El Pueblo, sala vinculada ao colectivo de autoedición Discos Porno, programa rock e punk, e destaca na súa aposta polas novas bandas galegas.

Os amantes do jazz teñen o seu templo no Café Latino, un emblemático café que leva máis de 25 anos programando artistas de recoñecido prestixio e que cada mes de maio celebra o seu festival, con concertos ao aire libre.

No centro, o escenario do Café Pop Torgal, por cuxos acústicos desfilaron algúns dos nomes máis destacados do panorama internacional independente.

Enderezos e contacto

Cinemas

As 8 salas dos multicines Galicine, situadas no Centro Comercial Ponte Vella, proxectan estreas comerciais. No salón de actos da Biblioteca Nodal, o Cineclube Padre Feijóo programa regularmente (todos os luns e mércores de setembro a xuño) cinema de autor en versión orixinal subtitulada, así como películas da filmoteca galega.

Enderezos e contacto

Salas de exposicións

Ourense conta con dous espazos expositivos de xestión municipal situados en edificios singulares: o Museo Municipal, no pazo dos Méndez-Montouto, e a Sala José Ángel Valente, no antigo Banco de España. Ambos acollen exposicións temporais de artes plásticas, fotografía e escultura.

No edificio Simeón, un antigo comercio téxtil do século XIX, sitúase o Centro Cultural Marcos Valcárcel, tamén dedicado a exposicións temporais e conferencias. No Campus Universitario atópase a Sala Alterarte, consagrada a talentos emerxentes.

Entre as principais galerías privadas con exposicións abertas ao público cabe destacar a Galería Marisa Marimón e Galería Visol.

Enderezos e contacto

Museos

O Centro de interpretación arqueolóxico-termal das Burgas, xunto ás emblemáticas fontes de auga quente, é un excelente punto de partida para aproximarse á historia da cidade, empezando pola súa fundación romana. A milenaria tradición termal de Ourense explícase aquí a través de paneis, vídeos e reproducións, sendo posible a visita aos restos da piscina-santuario romana do século I d.C.

Outra viaxe ás orixes ofréceo a Sala Escolma de Escultura de San Francisco, onde se exhiben exposicións temporais dos impresionantes fondos do Museo Arqueolóxico Provincial (actualmente pechado ao público): prehistoria, cultura castrexa, mundo galaico-romano, arqueoloxía prerrománica e medieval.

Ourense conta ademais con interesantes museos temáticos, como o Museo da Cornamusa, dedicado á gaita, o Centro Expositivo Arturo Baltar, que acolle un espectacular belén artesanal de máis dun cento de pezas elaboradas por este escultor ourensán, ou a colección de trens a escala Fernández Pachecho, unha das máis importantes de Europa.
Ver museos en Ourense

Institucións culturais

Diferentes asociacións e organismos, algúns con historia centenaria coma o Liceo de Ourense (situado no fermoso pazo dos Oca-Valladares), adoitan programar de forma habitual actividades culturais. Paga a pena botar unha ollada ás axendas do Ateneo, El Cercano, a Casa da Xuventude (Espazo Xove) e o Espazo Lusquiños.

Bibliotecas

O espazo de lectura de referencia na cidade é a Biblioteca Nodal, no centro de Ourense: cinco andares dedicados á literatura con interesantes propostas de dinamización e onde, ademais, realiza as súas proxeccións o Cineclube Padre Feijóo. Curiosos e investigadores gozarán dos amplos fondos da Biblioteca da Deputación, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, e as salas que custodia o Campus Universitario. Os barrios da Ponct, A Carballeira e San Francisco contan á súa vez con bibliotecas municipais, especialmente orientadas á infancia e a animación á lectura.