Ourense de noite

Aos que vos gusta deitarvos tarde e preferides explorar a vida nocturna da cidade, descubriredes por que Ourense se coñece como a «terra da chispa». Aquí gusta moito a festa, e sexa para tomar algo en boa compañía ou para saír a bailar, sempre atoparedes un local ao voso gusto e unha escusa para atrasar a volta a casa.

Cafés tradicionais

Ourense conserva aínda algúns daqueles máxicos cafés «dos de toda a vida». Paredes de madeira, mesas de mármore e butacas de coiro trasladarannos a outras épocas mentres gozamos dun cremoso café ou unha tisana. Dos máis emblemáticos é o Café Latino, un antigo bazar aínda vivo na memoria de moitos habitantes que adoita programar actuacións de jazz en directo. Xusto ao carón, o Café Real, cuxo piso superior conserva o encanto de outrora, e enfronte o Miudiño, un local con aroma a pub irlandés. As terrazas do tres ocupan un enclave privilexiado na Praza de Santa Eufemia, con vistas á Catedral e moi concorrida nas noites de verán.

A poucos metros de Santa Eufemia atópanse o Café Bohemio, cunha espectacular escaleira central, e a cafetaría do Liceo, no patio central do renacentista Pazo de Oca-Valladares. O diminuto Café Asturiano é tamén recomendable; escondido en na rúa Concordia, é un recuncho que evoca o Ourense modernista.

Cervexarías

Aínda que o viño e o licor café foron tradicionalmente as bebidas de Ourense, a cervexa vai facéndose un oco nos padais, e a cidade conta con varias marcas de produción artesá que merece a pena probar, como Áncora (que conta con establecemento propio na rúa Santo Domingo), Santo Cristo ou Keltius. Para desgustalas, polo detallado das súas cartas e os consellos do seu persoal, os amantes do orxo non deberían deixar de recalar en locais como Ou Moucho ou o Den Bieren.

Terrazas

Moi solicitadas na cidade, especialmente durante as calores do verán cando polas tardes o termómetro dá un respiro, en Ourense abondan as terrazas concorridas e animadas. Imperdibles son as que se despregan baixo os soportais da Praza Maior, aínda que se o que se busca é un lugar tranquilo paga a pena probar sorte noutras como San Marcial, Mercedes, Madalena ou Eironciño dos Cabaleiros.

Saíndo do Centro Histórico, a parte superior do Parque de San Lázaro é tamén un lugar típico de terrazas, rodeando a estatua do Carrabouxo. Para gozar de impoñentes vistas sobre o Miño, a terraza do Centro Comercial Ponte Vella.

No barrio de A Ponte, entre a Avenida das Caldas e a Ponte Romana, tamén son habituais as terrazas, ideais para gozar do polbo os domingos.

Bares de concertos

A música en directo sempre é un bo plan para unha noite diferente, e a oferta de locais en Ourense que ofrecen estes espectáculos é máis que interesante. Na zona histórica destacan o Café Cultural Auriense, cunha das axendas de actuacións máis completas e eclécticas da cidade, e as propostas de rock, metal e hip hop da Sala Berlín. El Pueblo programa bandas de corte rock e punk, apostando especialmente polos novos grupos galegos.

Os amantes do jazz teñen o seu templo no Latino, que cada mes de maio celebra o seu festival, con concertos ao aire libre.

No centro, é imprescindible visitar o escenario do Café Pop Torgal, que organiza ciclos coma o American Autumn, por cuxos acústicos desfilaron algúns dos nomes máis destacados do panorama internacional independente.

Pubs e discotecas

A zona dos «Viños», en pleno Centro Histórico, concentra a maioría dos pubs e locais nocturnos da cidade, e é o sitio ideal onde ir tomar unha(s) copa(s) despois dunha cea a base de petiscos e tapas. As opcións son moitas e para todos os gustos, así que non será difícil que todo o mundo atope un bo porto onde recalar.

Na rúa Lepanto atoparedes algunhas das tascas e tabernas máis típicas e buliciosas, coma o París ou o Montecarlo. Os amantes do rock non deberiades deixar de visitar locais como o Moruno, o Rock Club ou o Patio Andaluz. Se buscades sons latinos, pop-rock español e música de baile, as mellores opcións están nos arredores da Praza do Correxidor e rúa Pizarro. Os máis indies atoparán refuxio en lugares coma o Tribeca ou o Trolebús, mentres que outros como o Faíscas ou As Monchas apostan máis por sons de fusión que vos sorprenderán. Para ambientes máis chic, unha boa opción pode ser gozar dun cóctel no Tamarindo.

As noites nos «Viños» son longas, pero a última hora a acción trasládase ao Ensanche. Nas rúas próximas á Praza das Mercedes atoparedes discotecas onde tomar a última e continuar bailando ata que o corpo aguante.

Karaokes

Algo afastado do centro, xunto ás estacións de tren e autobuses, atópase as Rías Baixas, un dos locais de karaoke máis coñecidos de Ourense, todo un clásico. A diario atoparedes aquí a habituais que se botarán a cantar á mínima de cambio. No barrio das Lagoas, con ambiente universitario, tamén tedes a opción de combinar cancións e birlos até altas horas. Un plan alternativo de lecer nocturno para grupos con poucos complexos e ganas de pasalo ben.

 

Compartir