Alameda

Rúa do Progreso, 53, 32005

Ver no mapa

De orixes medievais, é un dos recunchos que aínda conservan o encanto de finais do XIX, con belas mostras de arquitectura modernista.

De orixes medievais, estes xardíns son hoxe un dos recunchos que aínda conservan o encanto de finais do século XIX e comezos do XX, con magníficas mostras de arquitectura modernista. Atravesada pola rúa do Progreso, a súa zona superior recibe o nome de Xardíns do Bispo Cesáreo, e está centrada por unha fermosa fonte chegada do Mosteiro de Oseira. Nun recanto, unha escultura dedicada ao escritor Eduardo Blanco Amor parece contemplar o tranquilo pasear desta alameda, transición entre o Ourense moderno e o medieval.

Aínda que a súa historia comeza xa na Idade Media, o seu esplendor chegará coa puxante burguesía de comezos do século XX, que levanta belas construcións modernistas coa firma de Vázquez Gulías, o arquitecto de Balneario da Toxa e o Centro Galego da Habana.

Lugar dos consellos, que eran os encontros veciñais onde se discutían os asuntos públicos da cidade medieval (de consello provén a palabra concello), foi tamén Horta do Concello plantada de oliveiras. Na súa parte central estivo instalado o Hospital de San Roque, e coa apertura da antiga estrada Vigo-Villacastín, hoxe rúa do Progreso, transformouse nun espazo urbano no que se construíron grandes edificios representativos daquel tempo, dacabalo entre o século XIX e o XX. O ideal estético da puxante burguesía local da época déixase sentir nas actuacións dos arquitectos do momento, Daniel Vázquez Gulias (Casa Román, coa súa bela galería; o Hotel Barcelona; a Casa Junquera) e Manuel Conde (edificio do Mercado de Abastos) entre outros, que coas súas obras substituíron os modestos edificios da praza dos que só se conservan debuxos. Destaca tamén no conxunto o novo Pazo do Bispo, deseñado a finais do século XIX por Queralt, e que foi concibido como seminario.

A Alameda inferior, á súa vez, levántase sobre o río Barbaña, ao final dun paseo arboledo onde hai unha escultura feminina de Luís Borrajo. Palco da música, fonte e pérgola completan o conxunto, dando forma a un lugar que hoxe segue sendo centro de moitas das celebracións da cidade.