As Burgas

Rúa das Burgas, s/n, 32005

Ver no mapa

A orixe de Ourense nunhas fontes milenarias manando a máis de 60º C.

Non pode (ou non debe) marcharse un de Ourense sen tocar a auga destas fontes, un dos tres «tesouros» que tradicionalmente se cantan da cidade: procede de acuíferos subterráneos a máis dun quilómetro de profundidade e mana a máis de 60º C. Con estas temperaturas, non é difícil imaxinar os usos terapéuticos, case milagrosos, que tiveron ao longo do tempo, xunto a outros de carácter máis práctico. A súa historia remóntase a tempos dos romanos que, como demostran os restos arqueolóxicos atopados, asentáronse aquí, dando lugar á orixe da cidade.

A zona divídese tradicionalmente en tres tramos: a fonte monumental ou «Burga de Abaixo» (s. XIX), a explanada central, onde se atopa a piscina termal, e a «Burga de Arriba» (s. XVII). Un paseo na zona superior permite gozar dos restos arqueolóxicos aquí atopados, onde destaca unha piscina-santuario do século I d.C., e conecta directamente co centro de intepretación arqueolóxico-termal.

No nivel inferior, rodeada polos que foron os primeiros xardíns públicos da cidade, atópase a recoñecible silueta da «Burga de Abaixo», fonte de estilo neoclásico atribuída ao mestre Trillo (s. XIX). Consta de dous canos laterais e unha pía labrada con florón no centro, coroada polo escudo da cidade. Foi deseñada a modo de ninfeo, morada de ninfas, evocando o pasado romano da zona que xa entón se intuía. Nun lateral atópase o «Fervedoiro», un estanque cadrado onde se pode ver a auga burbullante, en aparente ebulición. Como curiosidade, apuntar que o seu enreixado foi instalado con motivo da visita do rei Alfonso XII, en 1881.

A fonte recibe o seu nome en oposición á «Burga de Arriba», que está xunto á piscina termal, de factura máis sinxela e popular pero tamén máis antiga (s. XVII). No recinto da propia piscina, catro réplicas de  aras ou pedras votivas atopadas na zona, testemuño do culto antigo ás deidades moradoras destas augas quentes, a quen se atribuían as súas propiedades terapéuticas. Destaca a primeira pola esquerda, en honra das ninfas, e na que aparece Calpurnia Abana, nome coñecidísimo en Ourense por considerarse durante moitos anos o primeiro rexistrado nos anais da cidade. A historia completa destas aras pódese ver no centro de interpretación veciño, imprescindible para ter unha visión global do que As Burgas significaron para a cidade.

A inscrición da ara de Calpurnia aparece reproducida tamén nun mural da propia piscina, e ao seu carón dúas esculturas modernas, A casa da nube (Borrajo, 1989) e Calpurnia Abana (Acisclo, 1989)