Capela Maior

Interiores da Catedral. Acceso pola Porta Sur (Praza do Trigo),

Ver no mapa

Luns a Sábados: 11.00 - 14.30 h | 16.00 -19.00 h Domingos: 13.00-15.00 h | 16.00 - 19.00 h

608 505 531

catedralourense@gmail.com

www.catedralourense.com

Un belo retablo dourado centra o espazo, bañado pola luz que se filtra polo ciborio gótico.

A aparente harmonía do altar maior oculta unha longa historia de transformacións. A capela maior foi recolocada na nave central no século XX, aproveitando restos do cadeirado pétreo medieval. Sobresae o retablo gótico, do século XVI, que veu tapar a estrutura orixinal románica.

Obra de Cornelis de Holanda, este retablo realizado en madeira divídese en catro corpos e cinco rúas: na rúa central e na posición máis destacada está San Martiño de Tours, patrón e titular da catedral, caracterizado como bispo. O conxunto mostra escenas das vidas de Xesús e María, sendo a Virxe da Asunción outra figura de posición destacada, no seu papel de co-patroa da catedral.

O retablo está flanqueado por dous pequenos altares barrocos nos laterais, obra de Castro Canseco no século XVIII, que representan escenas do martirio dos santos ourensáns Facundo, Primitivo e Eufemia. Baixo eles instalouse parte do cadeirado renacentista do coro, antigamente na nave central (o resto pode verse hoxe na Capela do Santo Cristo).

Atopamos aquí dous sepulcros: un correspondente ao Cardeal Quevedo (s. XIX) e outro, de bela e abundante decoración gótica (s. XIV), anónimo. Pecha o conxunto un enreixado renacentista, obra de Celma (s. XVI) recolocado tras o traslado do coro e que reproduce ao norte as virtudes e ao sur a crucifixión.

Sobre o altar maior descende a luz que se filtra pola bóveda do ciborio, exemplo de arquitectura hispano-flamenca que viste de elegancia a etapa final do Gótico.

O Ciborio da capela maior

Na nosa visita non debemos deixar de erguer a vista para admirar a fermosa bóveda estrelada do ciborio. A construción, obra do mestre Rodrigo de Badaxoz ( orixinario de León) , é de claro estilo gótico. Foi realizado entre os anos 1499 e 1505. O ciborio cumpre a función práctica é iluminar a capela maior, pero ten tamén intencionalidade teolóxica, recreando unha atmosfera mística ao concentrar a luz sobre o espazo máis sacro da catedral.

Até a súa construción houbo no seu lugar unha bóveda de crucería cunha estrutura de vigas que permitía colgar un incensario, a imitación do famoso «botafumeiro» de Santiago de Compostela.