Cárcere da Coroa

Ver no mapa

Antiga prisión episcopal, na súa portada conserva o fermoso escudo do Bispado.

Antigo cárcere episcopal cuxo nome popular fai referencia á forma da tonsura que alí levaban os presos. O edificio, plenamente barroco, foi mandado edificar no século XVIII polo bispo Juan Muñoz de la Cueva, quen tamén promovera a ampliación do pazo episcopal, hoxe sede do Museo Arqueolóxico Provincial. O seu escudo figura sobre o portón de entrada de ambos os edificios.

Na década dos sesenta do século pasado, o edificio pasou a formar parte do Concello en virtude dun cambio do solar actual da igrexa de San Pío X, onde había un pequeno hospital, na Avenida de Zamora. Foi completamente restaurada e na actualidade está ocupada por diferentes servizos municipais.

Aínda que poida levar a engano, o nome non fai referencia á monarquía, senón á forma da tonsura que levaban os presos deste cárcere episcopal no s. XVIII.

Os miliarios

Xusto enfronte ao portón da antiga prisión atópase un pequeno xardín presidido polo busto de Ferro Couselo (Ramón Conde, 1996), historiador, fundador e posterior director do Museo; e un cruceiro dos talleres de Antón Faílde.

Aquí, nuns soportais acristalados, atópanse expostos varios miliarios da época romana. Eran as mouteiras ou puntos quilómetricos do Imperio, que se conservan en bo número en toda a provincia; non en van, por ela pasaba unha das súas grandes vías de comunicación: a Vía Nova.