Catedral de San Martiño

Acceso pola Porta Sur. Praza do Trigo, S/N, 32005

Ver no mapa

Luns a Xoves: 11.00-15.00 h | 16.00-18.00 h Domingos 13.00-15.00 h | 16.00-18.00 h

988 220 992

catedralourense@gmail.com

www.catedralourense.com

Monumento central de Ourense, ao redor do cal se artella Centro Histórico. É das máis antigas de Galicia, con torres que lle dan aires de fortaleza.

A historia da Catedral de Ourense é un periplo de máis de oito séculos de construcións e alteracións que foron modelando a súa estrutura: un templo de cruz latina con influencias compostelás e da arte cisterciense, de estilo románico tardío, xa con notas do gótico. O seu alzado dátase habitualmente entre os séculos XII e XIII e é un dos principais monumentos da cidade, ao redor do cal se articulan as rúas do centro histórico.

Monumental e maxestosa, a Catedral de Ourense aínda conserva certo aire da fortaleza que foi no seu pasado, algo que deixan intuír as súas torres e as ameas da fachada sur.

Un percorrido polo seu exterior é unha auténtica viaxe no tempo para o ollo atento. A cabeceira, inicialmente con tres ábsidas das que só se conserva unha, transpórtanos ao século XII. A fachada sur, con saída á Praza do Trigo, lembra coas súas ameas de castelo o poder que historicamente tivo o bispo en Ourense. A fachada oeste, onde o rei David toca a súa arpa, non tivo escalinata de acceso até o século XX. E a fachada norte, na rúa Lepanto, evoca os cambios que sufriu a cidade durante o turbulento século XV. No alto despunta, pola súa espectacular altura, o belísimo ciborio tardo-gótico, construído xa no XVI.

No seu interior, austero e de liñas elegantes, o ambiente de serenidade e recollemento convida a pasear polo deambulatorio e as súas varias capelas, deténdonos no seu Cristo románico e nos tesouros do Museo Catedralicio. Tamén nos pararemos a admirar o cromatismo do seu Pórtico do Paraíso, a maxestosidade da Capela Maior e a ornamentación da Capela do Santo Cristo.

O acceso á Catedral realízase pola porta sur, na Praza do Trigo. En horario de misas tamén se pode acceder pola porta norte (Rúa Lepanto).

A porta norte

A portada norte, orixinalmente románica, ten engadidos góticos de diversa procedencia, de modo que no tímpano, baixo a cruz, a Virxe sostén o corpo de Cristo descendido. Á esquerda da escena está o tan repetido milagre de San Martiño partindo a súa capa, e á dereita o apóstolo Santiago peregrino. A portada está franqueada por dous torreóns que dan un certo aspecto de fortaleza á catedral,evocando talvez a súa destrución en 1471 por parte do Don Rodrigo Alonso de Pimentel, conde de Benavente, nun ataque contra a cidade por entón baixo a protección do conde de Lemos.

Se nos fixamos ben, os autores desta porta deixaron unha broma para a posteridade. Hai que buscar un personaxe que nos dá as costas. Se baixamos a vista verticalmente desde o personaxe até o chan veremos un pequeno oco que curiosamente se mantén con auga case todo o ano…