claustro de san francisco

Claustro de San Francisco

Emilia Pardo Bazán, 37, 32004

Ver no mapa

Martes-Sábado: 11.30-13.30 | 17.00-20.00 Domingo: 11.30-13.30 h Luns e festivos: pechado

www.ourensecultura.com/ClaustroSFrancisco

Un claustro sen igrexa, recordo dun antiguo convento franciscano. Destaca pola fermosa decoración dos seus arcos.

O fermoso claustro de San Francisco, xoia do gótico galego, é testemuña do convento franciscano que existiu na parte alta da cidade, na ladeira de Montealegre. O convento fundouse no século XIV, logo do incendio que arrasou co orixinal, sito no que hoxe é a Praza do Correxidor. A orde relixiosa permanecería aquí ata o século XIX, cado o convento transfórmase en cuartel de infantaría.

Este cambio de usos (permanecería coma cuartel ata 1984) produciu numerosas reformas, sendo a máis significativa o traslado da cabeceira e fachada da súa igrexa ao actual Parque de San Lázaro. O claustro, hoxe aberto a visitas, quedou así orfo.

Declarado Monumento Histórico-Artístico en 1951, o Claustro de San Francisco sobreviviu á súa azarosa historia conservando practicamente intacta a beleza dos seus 63 arcos, todos decorados con motivos vexetais, animais (reais e fantásticos) e humanos. Os arcos están sostidos por columnas dobres agás os catro primeiros e catro últimos de cada fileira. Distribúense ao redor dunha planta aparentemente cadrada, xa que ningún dos seus lados ten o mesmo número de arcos. Nas paredes laterais consérvanse diversos sepulcros e as columnas da sala capitular. É destacable o acceso á capela funeraria dos Sandoval baixo un arco festonado.

Os capiteis dos 63 arcos deste claustro son un belo catálogo de seres mitolóxicos, animais e motivos vexetais esculpidos en pedra, de estilo gótico pero gran influencia románica.

A nave da antiga igrexa aínda se conserva, pegada ao claustro. Anexa a esta polo sur atópase a antiga capela e unha sala hoxe reconvertida espazo expositivo, na que se exhiben parte dos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial.

O conxunto complétase co Cemiterio de San Francisco, no que era a antiga horta do convento, e o Auditorio Municipal, un espectacular edificio contemporáneo consagrado a actividade cultural.

Están a levarse a cabo obras de rehabilitación para trasladar aquí a Biblioteca Provincial, convertendo a San Francisco no gran complexo histórico-cultural da cidade.