Colección de trens Fernández-Pacheco

Centro Cultural Marcos Valcárcel. Rúa do Progreso, 30, 32005

Ver no mapa

Luns-Venres: 11.00 - 14.00 h y 18.00 - 22.00 h Sábados, domingos e festivos: 18.00 - 21.00 h

988 317 895

www.centroculturaldeourense.com/index.php/cofepo

Impresionante colección con máis de 4.000 trens en miniatura.

As máis de catro mil pezas expostas na colección Fernández Pacheco-Outeiriño (COFEPO) contan a historia do ferrocarril universal desde os seus comezos coa máquina de vapor, os pasos seguintes co diesel e a electricidade, até chegar á alta velocidade. A evolución do deseño, os materiais empregados na fabricación do tren, todo pode verse nesta exposición permanente única en Europa, a escala H0.

A colección iníciaa Manuel Fernández-Pacheco en 1955 cando o seu pai lle agasalla o seu primeiro tren de xoguete. Moitos anos despois xunto coa súa muller, a ourensá Carmen Outeiriño, deciden doar á Deputación de Ourense a súa magnífica colección coa única condición de que estea exposta permanentemente ao público. A exposición está montada seguindo unha orde cronolóxica que permite apreciar a evolución que tivo o tren ao longo da súa historia. Entre as súas pezas, moitas delas xoias xa descatalogadas, atopamos trens históricos e míticos como, por exemplo, os que serviron para asinar os armisticios que puxeron fin ás dúas grandes guerras mundiais. Tamén o Orient Express, o Barcelona-Mataró (o primeiro que circulou en España), o Ouro do Rin, o Mistral, a Frecha de Ouro, os Talgos españois ou o Surexpreso Madrid-París, o tren no que Buster Keaton rodou a súa magnífica película O maquinista.

Entre as xoias da colección atopamos trens coma o Orient Express, o primeiro Barcelona-Mataró ou o Surexpreso Madrid-París, no que Buster Keaton rodou O maquinista.

A exposición atópase no fermoso edificio do Centro Cultural Marcos Valcárcel, de principios do século XX, e está organizada seguindo unha orde cronolóxica que nos permite gozar e aprender da evolución tecnolóxica deste medio de transporte, central na cidade de Ourense. Complétase cunha interesante biblioteca temática.