Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santomé

Ver no mapa

Acceso libre

Lugar de encontro entre a natureza e o pasado, Santomé é un magnífico bosque autóctono que esconde un xacemento arqueolóxico onde conviven a cultura castrexa e a galaico-romana.

A escasos tres quilómetros do centro urbano atópase este complexo arqueolóxico, imprescindible para coñecer unha parte fundamental do pasado da cidade. Nel concorren os valores históricos (característicos dun complexo xacemento arqueolóxico) cos naturais, derivados dunha contorna que non só conserva unha vexetación peculiar senón que goza dun emprazamento privilexiado, con impresionantes vistas sobre a cidade.

Desde unha perspectiva arqueolóxica, Santomé destaca por ser un dos poucos exemplos da Península onde aínda se pode observar a convivencia, no tempo e no espazo, de dúas culturas moi diferentes: na parte máis elevada, restos dun castro, poboación fortificada propia da cultura castrexa (pobos celtas da Idade de Ferro); na chaira, unha típica vila galaico-romana. Ambos datan do século I d.C., o que pon de manifesto como os modos e formas romanas conviviron en perfecta simbiose coas tradicións anteriores, creando modelos que van pervivir moito tempo na Galicia rural. 

A súa situación privilexiada sobre o río Loña (que actuaría como un elemento defensivo máis do castro) proporciona unha espléndida vista sobre a cidade e as «marmitas de xigante» que o río modelou na pedra.

Pero ademais, Santomé é un fermoso exemplo de bosque tradicional do val ourensán, de clara tendencia mediterránea, no que destacan os carballos mesturados coas sobreiras, aciñeiras e variedades de piñeiros, ademais dunha gran cantidade de érbedos. Atópase nunha rocha sobre o río Loña, que actuaría como un elemento defensivo máis do castro: ao visitar o lugar, paga a pena bordealo para gozar das vistas sobre as «marmitas de xigante» do río, enormes pedras erosionadas polos remuíños da auga.

Un percorrido cronolóxico

Desde o punto informativo, o camiño penetra no poboado castrexo, no que as escavacións arqueolóxicas máis recentes descubriron unha unidade completa do mesmo, a modo de barrio, no que a través dunha rúa central e unha praza vanse articulando diferentes vivendas (superpostas algunhas delas) que abarcan un período desde o século I a.C. até o século II d.C. Na parte superior atopouse tamén unha torre fortaleza que daba acceso ao mesmo.

Sáese do poboado por unha rúa empedrada da que se conservan máis de 30 metros do trazado orixinal. Ao fondo consérvanse algúns restos da primeira vila galaico-romana, que pertence ao século I de nosa era, o que significa que conviviu co poboado castrexo.

Ambos asentamentos foron abandonados no século II d.C. Non sería até un século despois en que a zona é ocupada de novo seguindo os modelos tradicionais romanos. Trátase de dúas unidades construtivas con lixeiras diferenzas.

Así, a primeira casa (que se atopa preto da caseta informativa) conserva o patio, que lembra o atrium romano. Na segunda, que consta tamén de patio, sobresae a escaleira de acceso a un piso superior, e unha habitación na planta baixa cun excepcional sistema de calefacción (a trébede) e que deriva do hipocaustum romano.