Igrexa da Trindade

Praza Trinidade, 5, 32005

Ver no mapa

Apertura segundo culto

A imaxe de San Roque dá a benvida a esta singular igrexa, construída sobre unha antiga necrópole romana. O frontón é orixinario do antigo hospital dedicado ao santo, xa desaparecido.

Orixinaria dos séculos XII e XIII, aínda que con numerosas modificacións posteriores, a igrexa da Santísima Trindade é unha das  máis antigas que se conservan na cidade. De planta basilical, nela destaca o seu portón de acceso desde a Praza da Trindade, cuxas figuras dan boa conta da historia do templo, ligado a un antigo hospital de peregrinos.

A devandita portada procede do antigo Hospital de San Roque (s. XVI), edificio que durante moitos anos ocupou o solar onde hoxe está Correos, na Alameda. De aí a representación do santo e o seu can Melampo. Posiblemente os outros dous personaxes, en senllos medallóns, sexan dous famosos médicos da Antigüidade: Hipócrates e Galeno.

Ligado a esta igrexa houbo aquí un hospital de peregrinos, do que xa hai referencias no século XII, cuxa situación obedecía posiblemente á presenza de mananciais termais.

A igrexa é a máis antiga das que se conservan en Ourense: o seu atrio, no que pode verse un fermoso cruceiro de estilo plateresco (s. XV), foi construído sobre unha antiga necrópole romana.

Da fábrica orixinal aínda se aprecian o aspecto fortificado e algúns detalles románicos, aínda que a decoración da súa ábsida, con ameas gótico-flamíxeras, indícanos que foi reformada nos séculos XV e XVI. No seu exterior, dous torreóns cilíndricos confírenlle certo aire de fortaleza, algo que comparte coa Catedral. No interior, de planta basilical, resalta a capela maior poligonal e cuberta con bóvedas de crucería con claves profusamente decoradas. A nave lonxitudinal vai cuberta con bóveda falsa e dividida en tramos mediante arcos apuntados. Dous retablos barrocos nos laterais e un maior, do século XVI, na nave central conforman o conxunto escultórico, que se completa cunha pía de auga bendita xeminada.

Ligado á igrexa houbo un hospital de peregrinos, o Hospital da Trindade, do cal xa se teñen datos no século XII, posiblemente vinculado á presenza de mananciais termais na zona. Ocuparía a actual casa parroquial xunto á igrexa, na rúa Vilar, por onde chegaban os peregrinos desde o interior de Portugal ou pola Vía da Prata. Del só se conserva unha porta que dá ao atrio en arco conopial, decorada con dentes de serra. Na portada lateral da igrexa, fronte ao antigo hospital, hai unha cuncha de vieira, o símbolo por excelencia dos peregrinos a Santiago de Compostela.