Igrexa de Santa Eufemia

Lamas Carvajal, 7, 32005

Ver no mapa

Apertura segundo culto

Antigo colexio jesuíta no que sobresae a súa fachada, arquetipo do barroco galego. Chama a atención a súa forma cóncava, usada para outorgarlle unha maior monumentalidade.

Orixinalmente parte dun antigo colexio xesuíta, desde 1767 forma parte da diocese como igrexa parroquial, coincidindo coa expulsión de España da orde relixiosa. A súa fachada, obra de Frei Plácido Iglesias, é un arquetipo do barroco galego. Nela combínanse a suntuosidade, o uso das liñas curvas e os xogos de luz nos seus entrantes e saíntes cos detalles máis típicos da arte galega: o uso do granito, a orde xigante das columnas, os pináculos ou o frontón partido con cruz. Especialmente rechamante é a súa forma cóncava, un posible recurso para lograr maior monumentalidade a pesar do reducido da estreita rúa, xa que a praza de Santa Eufemia é moderna.

A segunda igrexa máis grande a cidade, cuxa fachada é un magnífico exemplo do barroco galego.

As súas obras inícianse a mediados do século XVII por fundación privada, pero a súa fachada non se conclúe até un século despois. Bóvedas e cúpula son do século XIX, e no século XX complétase coa escultura que adorna o nicho central, a imaxe de Santa Eufemia, titular da parroquia e santa de gran devoción na cidade. A figura é obra de Xosé Cid e data de 1985, mentres que a torre campanario é de 1989. Despois da Catedral, é a segunda igrexa máis ampla de Ourense.

O interior, moi austero, é de planta de cruz latina con tres naves lonxitudinais, sendo máis baixas as laterais. Un gran altar barroco preside a igrexa co Cristo da Esperanza no centro (s. XVIII).

O edificio anexo á dereita foi construído como colexio para cursar estudos de Gramática; posteriormente foi instituto, museo, seminario e actualmente residencia sacerdotal.

Santa Eufemia en Ourense

Segundo a tradición, a Santa evanxelizou na zona do Xurés e por iso sufriu martirio en tempos do emperador Adriano. Foi enterrada no lugar que hoxe recibe o nome de Serra de Santa Eufemia.

Séculos despois, no ano 1060, unha pastora descobre a tumba da que sae unha man, toma o seu anel e ao porllo perde a fala, que recupera ao devolver a xoia á santa. Óuvese entón unha voz que di que aí está enterrada Santa Eufemia. Comezaron así as disputas entre as dióceses, xa que o lugar quedaba a medio camiño entre Braga e Ourense. Decidiuse pór o corpo nun carro tirado por un boi e enterrar a santa no lugar onde se dirixise. Foi Ourense, e así se explica o protagonismo que recibe Santa Eufemia tanto nesta igrexa como na Catedral, onde aínda se evoca esta historia nun altar colateral da capela maior.