Igrexa de Santa María Nai

Rúa Santa María, 1, 32005

Ver no mapa

Apertura según culto

Lugar da primitiva catedral de Ourense, da que conservan as columnas da súa fachada.

A súa fachada, dun barroco contido (s. XVIII), non revela a importancia desta igrexa medieval, situada no que moi probablemente fora o emprazamento da antiga catedral de Ourense, da que soamente restan unhas columnas e uns capiteis de aspecto marmóreo conservados na actual fachada e orixinarios do século V ou do VI. Sabemos por unha inscrición nun lateral que a igrexa foi reconstruída en 1084 tras a súa devastación, e de novo en 1772. A igrexa non se entende sen a monumental escalinata pola que se accede, e que conecta a recolecta Praza da Madalena coa Praza Maior.

No seu interior destaca o retablo en estilo churrigueresco realizado en madeira na súa cor natural, que aloxa no seu centro a imaxe de Santa María Nai, patroa do gremio dos xastres, do século XVI. Sae en procesión o Sábado Santo, conducida tradicionalmente polos xastres, e tamén en Domingo de Resurrección, cando protagoniza a chamada «Cerimonia do Desplante», un curioso rito que evoca os conflitos que durante anos enfrontaron ao bispado e á corporación municipal na cidade.

A igrexa non se entende sen a monumental escalinata pola que se accede, onde cada Domingo de Pascua ten lugar a Cerimonia do Desplante.

Probable emprazamento da primitiva catedral de Ourense, que debía a súa advocación a un santo francés, San Martiño de Tours, ao que a tradición atribúe a curación milagrosa do fillo do rei Suevo Carriarico, quen en agradecemento convertería ao santo en patrón da vila. Esta primeira igrexa sería devastada polas incursións mozárabes e normandas, reconstruíndose en 1084 tal e como reza unha inscrición lateral. Aquela basílica demoleuse en 1722 para levantar a nova igrexa (como aparece noutra inscrición no mesmo lugar) de estilo barroco a iniciativa do bispo Marcelino Siuri, que aumentou a fábrica. Iso explica que o pazo do bispo estea ao seu carón.

Da primeira basílica só quedan unha serie de columnas dobres no segundo e terceiro corpo, de estilo baixorromano ou visigótico, e similares ás da igrexa de Santa Comba de Bande. Ten tres corpos e tres cales enmarcadas en pilastras acanaladas. No corpo alto, hai motivos heráldicos, un frontón e dous torreóns aos lados. No interior, planta de cruz latina con bóveda nervada, cabeceira rectangular e cruceiro pouco saínte.

Cómpre destacar, así mesmo, nun retablo da nave cruceiro á dereita, a imaxe da Piedade (de 1775 en madeira policromada, rococó) de notable calidade e patetismo. Na predela do retablo está o corpo xacente de Cristo.