Parque Barbaña

Ver no mapa

É un dos parques urbanos máis grande de Ourense, vinculado ao río do que toma o nome. Unha pasarela elevada conecta aquí o barrio do Couto e a Alameda.

É un dos parques máis grandes da cidade, construído na marxe esquerda do río Barbaña, do que toma o nome. A súa gran superficie organízase en varias áreas de lecer e paseos a diferentes niveis, seguindo o talweg natural.

Conta con parque infantil, cafetaría e unha zona de patinaxe coroada por un fauno a lombos dun moucho, obra conxunta de Quessada e Acisclo Manzano, e na que este ser mitolóxico dirixe a súa ollada cara á rúa do Paseo, onde se atopa a súa escultura irmá, outro fauno que mira, pola súa banda, ao Barbaña. O parque conta tamén cunha fonte, a Fervenza das Poetas, con monólito que lembra as poetas ourensás Pura e Doura Vázquez.

Os días 7, 17 e 26 de cada mes sitúase aquí boa parte da feira con mercado de Ourense, prolongándose desde o Mercado de Abastos.

Destaca a pasarela elevada que atravesa o parque, e que conecta o barrio do Couto coa Alameda e a zona centro salvando os desniveis do río.