Praza Maior

Praza Maior, 2,, 32005

Ver no mapa

Centro e corazón do Ourense monumental, chama a atención o seu chan inclinado, unha auténtica rareza entre as prazas maiores de España.

A Praza Maior foi durante séculos o corazón do Centro Histórico, e continua a ser o principal punto de encontro na cidade. Ampla, luminosa e porticada, ten forma irregular e a particularidade de ser unha das poucas prazas maiores en Europa co chan levemente inclinado.

A Praza Maior (outrora Praza do Campo) acolle algún dos principais monumentos da cidade. Centra o espazo a fachada da Casa Consistorial, obra de Queralt que ocupa o único lateral sen soportais. Ao seu lado o Antigo Pazo Episcopal, co que parece competir en maxestosidade.

Os outros tres laterais son os soportais que forman o Espolón, antigo paseo da nobreza hoxe reconvertido nunha das zonas de terrazas máis animadas do centro. Sobre el, fermosas fachadas de casas nobiliarias dos séculos XVIII e XIX, entre elas un deseño de Vázquez Gulías para a casa de Fermín García (hoxe reconvertida en espazo expositivo) adornado con azulexos, un belo exemplo de arquitectura modernista en Ourense.