Pórtico do Paraíso

Interiores da Catedral. Acceso pola Porta Sur (Praza do Trigo),

Ver no mapa

Luns a Sábado: 11.00 - 14.30 h | 16.00 -19.00 h Domingos: 13.00-15.00 h | 16.00 - 19.00 h

608 505 531

courense@artisplendore.es

www.catedralourense.com/

Unha emocionante sinfonía de cor construída en pedra en cuxas arcadas atoparemos os apóstolos, os profetas e os anciáns da Apocalipse tañendo os seus intrumentos.

Situado aos pés do templo, seguindo a pauta de Santiago, construíuse o Pórtico do Paraíso. O conxunto escultórico, unha das xoias da Catedral de Ourense, cega pola súa suxestiva, case hipnótica, policromía, que recentemente recuperou gran parte do seu esplendor grazas aos labores de restauración.

A influencia de Santiago (Pórtico da Gloria) e os modelos do Mestre Mateo fanse patentes no conxunto, aínda que a peza ourensá é posterior, do século XIII. Foi reformado no século XVI, colocándose a bóveda estrelada e a imaxe de San Martiño.

As estatuas a modo de columnas reproducen os profetas, que portan cartelas co seu nome e entre os que atopamos a sonsrisa amable de Daniel. Tamén os apóstolos, estes cos seus libros. O arco central conserva os 24 anciáns da Apocalipse, músicos portando instrumentos da época que parecen interactuar entre si, en animada conversa.

O pórtico ourensán gaña en realismo e emoción. Transmítena, por exemplo, os anciáns do tímpano, un grupo de músicos en animada conversa.

Apoiado no parteluz, centra o pórtico unha figura de Santiago Apóstolo cunha iconografía pouco habitual que lembra os peregrinos que pasaban por Ourense. Sobre el, nun nicho, atopamos un personaxe montado dacabalo espada en man. É San Martiño, patrón de Ourense, quen segundo a tradición un día de inverno cortou co seu aceiro a súa capa pola metade, ofrecéndolla a un pobre para que se cubrise.

Nos laterais atopamos tamén dous altares barrocos: o da dereita dedicado á Virxe de Belén, e o da esquerda ao mártir ourensán San Francisco Branco, morto en Xapón en 1597. Nas paredes, dúas pinturas anónimas do século XVIII presentan a San Cristovo e San Ildefonso.