Praza da Madalena

Ver no mapa

Praza que foi antigo cemiterio e aínda hoxe conserva ese ambente sereno e tranquilo. É das máis fermosas da cidade.

A orixe da súa forma débese, talvez, a que é unha praza pensada para ser un claustro. O seu nome provén dunha capela xa desaparecida, propiedade do Conde de Amarante, no lugar onde a praza entronca coa do Trigo.

O lugar, antigo mercado de froitas e verduras, antes de praza foi cemiterio, como nos lembran as lápidas medievais nun lateral, apoiadas na igrexa de Santa María Nai. Está centrada por un cruceiro barroco, un dos máis fermosos da cidade, que veu descansar a este lugar desde o seu sitio orixinal, preto da Ponte Romana.

A praza foi antigo cemiterio de cóengos e aínda hoxe conserva ese ambiente sereno e tranquilo. É unha das máis fermosas da cidade.

Na base do fermoso cruceiro pode lerse a inscrición:«Por la cyudad se Yzo este crucero y campo siendo Corregidor el Ldo. Bernardo Patricio de Arce y Obregón. 1718». Realizado en granito, ten na cruz as figuras de Cristo e a Virxe Dolorosa. Catro medallóns rodean a Virxe con símbolos dos evanxelistas. Apóiase en tres chanzos de planta cadrada.

Pode chamar a atención do visitante o uso como pavimento de cantos rodados, que se repite en varias prazas. Iso é debido á súa abundancia no substrato ourensán, o que o converteu no lousado tradicional de Ourense, recuperado posteriormente xa no século XX.