Praza dos santos Cosmede e Damián

Ver no mapa

Coñecida por atoparse aquí o curioso Belén de Baltar, foi durante a Idade Media unha das portas da cidade.

Pequena praza situada no lugar coñecido na Idade Media como «Fonte Arcada», antigo emprazamento dunha das portas da cidade.

Unha fonte de moderna construción centra o espazo, coroada por unha escultura de temática infantil, obra de Antonio Faílde. Nun dos seus laterais está a capela que lle dá nome: Santos Cosme e Damián. Este edificio do século XVI alberga no seu interior un dos museos máis curiosos da cidade, o Espazo Expositivo Arturo Baltar e o seu Belén de Baltar: máis dun cento de figuras de barro cocido que recrean escenas tradicionais do mundo rural galego e o Ourense de outrora.

A capela foi mandada construír en 1521 polo mestre cirurxián Juan de Lareras en honra dos Santos Cosmede e Damián, patróns da profesión médica. Anos despois, pasou a mans do Concello, que a converteu en casa de doutrina para orfos. A súa fachada, de estilo plateresco, remata en piñón triangular e nun lateral está un pequeno campanario. A porta, decorada con arco carpanel, ten dúas esculturas baixo dosel: a da dereita, un home de cuxa boca sae un lagarto, símbolo da enfermidade, e a esquerda, un home sentado co xeonllo descuberto. Na clave represéntanse os santos titulares e nos ángulos os escudos do fundador.