Ríos de Ourense

En Ourense flúen tres grandes ríos, varias decenas de regatos e un cento de regachos. A cidade é a filla do Miño e das Burgas, un val fértil que non existiría sen a presenza da auga.

Pai Miño

O Miño é o máis importante dos ríos de Galicia, pois atravésaa nun percorrido de máis de 300 quilómetros nos que a auga ha modelado a paisaxe e encheuno de vida, por iso é polo que agarimosamente nos referimos a el como Pai Miño.

En Ourense o río acomódase á depresión da ola ourensá, polo que as súas augas baixan calmas e serenas, como di a canción popular, case unha nana «Río Miño, vai caladiño…»  Non se entende sen a súa presenza, xa que non só deu forma e riqueza ao val senón que, xunto coas augas termais, atraeu as lexións romanas que fundarían a primitiva Aquis Auriensis: aquí atopábase o paso máis cómodo en varios quilómetros e sobre el construíron a que hoxe coñecemos como Ponte Maior ou Ponte Romana, a primeira das oito coas que conta a cidade.

As pontes son só unha parte da paisaxe humana que enmarca o Miño en Ourense, aínda que moito dela se perdeu xa no tempo: as lavandeiras, os pescadores, os muíños, os barqueiros… Da existencia das barcas de pasaxe para salvar o río lle vén o nome á curiosa capela no barrio das Lagoas, a Capela do Portovello. Pero ante todo o río é un lugar para a diversidade biolóxica, unha gran arteria verde en cuxas beiras xorden os mananciais termais xunto ao bosque de ribeira, abundante en salgueiros, amieiros e bidueiros, fogar de aves como a garza ou o picapeixes, nutrias, anfibios e toda unha extensa fauna que atopou no río o seu fogar.

As beiras do Miño en Ourense foron acondicionadas con grandes sendas verdes ideais para pasear, correr, andar en bicicleta e mesmo gozar dun relaxante baño termal. Unha boa forma de descubrir todos os seus segredos e aprender a querelo como se lle quere en Ourense é percorrer o seu itinerario ambiental: 14 quilómetros desde Oira até Outariz para descubrir, sentir, gozar e aprender.

As beiras do Barbaña

Este afluente do Miño está indiscutiblemente ligado ao barrio do Couto, o segundo en poboación e ao que practicamente delimita. Aínda que foi tradicionalmente obxecto de numerosas agresións ambientais, nos últimos anos o Barbaña recuperou parte do vigor de décadas pasadas, con corredores acondicionados en boa parte do seu curso urbano polos que é un pracer camiñar. É un río moi presente nas memorias infantís da cidade, pois os pequenos encoros dos seus muíños creaban zonas de baño en sitios como Seixalbo ou os arredores do que hoxe é o FabLab La Molinera, no chamado Pozo do Inferno.

Os camiños do Loña

Aínda que máis pequeno, nada ten que envexar o Loña en paisaxe e historia aos demais ríos de Ourense. Desde o centro urbano o río recíbenos coa súa ponte romana, vestixio da intricada rede de comunicacións entre os lugares de Velle, Sabadelle e Mende que conectaban o río con Santomé. A ruta que conduce até o castro, nunha rocha sobre o río, é de gran beleza, camiñando á sombra da súa densa vexetación e entre muíños, sobre unha pasarela que vai conectando ambas as beiras. Unha vez arriba, debe baixarse a vista para observar as marmitas de xigante do Loña, foxos escavados na roca durante séculos, produto da erosión.