Capela do Santo Cristo

Interiores da Catedral. Acceso pola Porta Sur (Praza do Trigo),

Ver no mapa

Luns a Sábados: 11.00 - 14.30 h | 16.00 -19.00 h Domingos: 13.00-15.00 h | 16.00 - 18.00 h

608 505 531

courense@artisplendore.es

www.catedralourense.com

Garda una das tallas máis coñecidas da cidade, un Cristo barroco de gran verismo rodeado de lendas.

Conta a lenda que o Santo Cristo de Ourense foi atopado, alá polo século XIV, por uns mariñeiros en Fisterra. Sexa ou non verdade, o certo é que o tremendo verismo desta figura gótica, na que pelo e barba son naturais, houbo de forxar unha continuada e popular devoción que acabou valéndolle a construción dunha luxosa capela na Catedral.

O rotundo verismo desta imaxe, na que barba e cabelo son de pelo natural, alimentou unha infinidade de lendas ao redor do Santo Cristo de Ourense, ademais dunha devoción aínda moi viva.

A capela do Santo Cristo reuniu e reúne un importante patrimonio polas doazóns que sempre recibiu. A ela accédese a través dunha reixa renancentista de Celma, de recargado estilo barroco. O baldaquino é de Domingo de Andrade, o mesmo autor que o da catedral de Santiago de Compostela, e os retablos foron obra do leonés asentado en Galicia Castro Canseco. Neles atópanse tallas de gran interese como a Virxe Branca en alabastro ou o San Mauro de Francisco de Moure. Todo este ornato contrasta coa elegancia renacentista do cadeirado do coro, obra de Diego Solís e Juan de Angés (s. XVI), e que foi trasladado parcialmente a este espazo tras a reforma do templo en 1938.

Na parte superior hai pinturas do século XVIII que representan escenas da vida de Cristo e algunha outra máis recente, como a da cea de Emaús, o que evidencia que as doazóns de obxectos artísticos á capela continúan na actualidade.

Lenda e devoción do Santo Cristo

Ademais das lendas vinculadas á súa orixe mariñeira, o verismo desta talla alimentou durante anos a crenza popular de que lle crece o cabelo, e de que todas as semanas acode un barbeiro á Catedral para cortalo.

A importante devoción que sempre espertou o Cristo ten un belo exemplo nas dádivas que recibe en forma de lámpadas, que colgan do teito dando á capela un certo aire bizantino. Entre as doazóns ao Cristo cóntanse tamén exvotos con forma de barco, ofrendas de mariñeiros. Unha tradición perdida era a de colgar gaiolas de paxaros nas festas da Novena ao Santo Cristo.