Teatro Principal

Rúa da Paz, 9, 32005

Ver no mapa

988 317 960

oficina.teatro@depourense.es

www.teatroprincipalourense.com

Coqueto teatro de estilo italiano con programación permanente, nun edificio do XIX. A súa bóveda interior trasládanos ao «paraíso» a través de frescos do pintor Quessada.

Na antiga rúa dos zapateiros (hoxe rúa da Paz) mandou construír Don Santiago Sáez un teatro, disque por despeito cara a outro local no que non lle quixeron reservar palco. Corría o ano 1830 e o novo teatro construíuse segundo a moda da época, en estilo italiano, dacabalo entre o Barroco e o Romanticismo: patio de butacas e palco na planta baixa, tres pisos de palcos e un cómodo escenario para representacións, ornamentado con frescos do pintor Parada Justel, hoxe xa desaparecidos.

Centro da vida cultural pero tamén social e política de Ourense, ao longo da súa historia o edificio será obxecto de numerosas transformacións e reformas, destacando a que ten lugar en 1915 para transformalo en cinematógrafo; función que cumprirá até o seu peche en 1975. Nos anos 90 a cidade recupera este espazo despois dun importante labor de rehabilitación, responsable da súa traza actual. Mantendo os elementos tradicionais, incorpora na súa bóveda frescos de Xaime Quessada, cuxo contido explica por que neste teatro o palco máis alto (o galiñeiro) recibe o nome de «paraíso».

Cóntase que o teatro foi mandado construír polo liberal Santiago Sáez, en resposta á negativa de reserva de palco que recibía doutros establecementos daquel Ourense de principios do XIX.

A maxia do circo

O Teatro Principal está moi ligado, na memoria da cidade, aos circos ambulantes que cos seus espectáculos facían as delicias de pequenos e maiores. Un dos máis famosos en Ourense nas primeiras décadas do século XX era o Circo Feijóo, rexentado por Secundino Feijóo, natural de Vilanova dos Infantes (Celanova). Un dos seus principais reclamos era o espectáculo de bestas a cargo do domador, tamén capitán de cosacos, Mendoff. Admirado pola súa afouteza e coraxe, cóntase que un día un estudante preguntou a Mendoff polas súas orixes, ao que este contestou, medio en secreto, que era natural de Celanova, coma o seu xefe. Pero claro, sempre tería máis interese pregoar que o domador era un ruso feroz.