Chegar ás termas

Os espazos termais xunto ao Miño teñen un acceso exclusivamente peonil. Se queredes ir en coche, existen zonas de aparcadoiro habilitadas nas proximidades, aínda que a mellor solución é montar no Tren das Termas, con saída da Praza Maior. Se estades preparando a vosa visita, non deixedes de consultar como chegar as termas.

Antes do baño

  • Equípate con bañador, chanclas e toalla, xa que é necesario acudir a estas instalacións con roupa axeitada. En todas existen vestiarios e consignas a disposición dos bañistas para gardar as pertenzas comodamente.
  • Consulta o teu médico antes de acudir ás instalacións. Ten en conta que, tanto por composición mineral como pola súa elevada temperatura (entre 30º e 42º C), as augas termais de Ourense son un recurso medicinal.
  • Respecta os tempos da dixestión antes do baño e evita a exposición prolongada ao sol.
  • Lembra sempre tomar unha ducha para preparar a túa pel para o baño: así absorberá mellor os minerais da auga e as súas propiedades.

Se vas con nenos

Como normal xeneral, non está permitido o baño a menores de 5 anos. En calquera caso, nunca se recomenda para menores de 7.

Cos nenos é necesario extremar as precaucións, polo que o baño termal non debería superar os 10-15 minutos de duración.

Espazos de relax e benestar

As instalacións termais de Ourense son espazos de baño deseñados para a relaxación, polo que existen unha serie de normas de convivencia que é importante coñecer e respectar.

  • Non se admiten mascotas. Se te atopas nas beiras do río Miño, o teu can gozará moito máis nas zonas verdes. En Outariz teñen, ademais, un espazo destinado para eles onde descansar á sombra.
  • Deixa de lado o teu teléfono móbil, aparello de música, cámara de fotos, etc., e mantén un ton de conversación moderado: non molestarás aos demais usuarios e gozarás máis do baño.
  • Son termas, non piscinas: non están pensadas para nadar nin mergullarse, tampouco para facer augadiñas ou salpicar.
  • Modera os tempos de baño: non deberían superar os 30 minutos. Tenta facer pausas e, se es valente, contrastes con auga fría.

Despois do baño

Descansa sempre despois do baño e hidrátate bebendo líquidos. Aínda que non o pareza, as altas temperatura da auga aceleran o metabolismo e cansan o corpo.

Ao abandonar a instalación, lembra recoller todas as túas pertenzas nas consignas e non deixes desperdicios, utiliza as papeleiras.